lunes, 19 de agosto de 2013

KONFLIKTO DEF CON DOS FIRC MMSS

Dende o colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos dar as grazas aos grupos KONFLIKTO e DEF CON DOS por criticar públicamente onte durante a celebración do Festival Independente de Rock Coruñés (FIRC) a represión que estamos a sufrir os movementos sociais (MMSS) da cidade da Coruña. Como estamos denunciando dende fai unhas semanas ca campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti”, a medida que a crise económica e a corrupción política estrangula máis e máis á cidadanía, asistimos na Coruña a unha continua persecución policial da liberdade de expresión e manifestación, onde o hostigamento económico contra calquera iniciativa crítica, comunitaria, solidaria ou reivindicativa está asegurado.

Estes ataques evidencian que o alcalde Carlos Negreira, o Delegado do Goberno Samuel Juárez e o Subdelegado Jorge Atán teñen a explícita vontade de reprimir a expresión pública dunha cidadanía crítica que pon en evidencia os seus abusos políticos. Nós mesmas levamos xa 5.500€ en multas vinculadas tanto á paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey como a unha concentración convocada a nivel estatal diante das sedes do Partido Popular o pasado 9 de abril.

E se ben estamos moi contentas e agradecidas polo extraordinario apoio solidario que recebimos por parte dos grupos DEF CON DOS e KONFLIKTO, así coma a simpatía dos milleiros de persoas que acudiron a dito encontro musical, queremos sinalar que o Festival Independente de Rock Coruñés, como actividade patrocinada polo Concello da Coruña que é, non deixou de revelarse tamén coma un espazo onde a criminalización de movementos sociais estivo presente. É sabido que a mellor censura é a autocensura: conseguir que as persoas decidan por si mesmas non se pronunciar criticamente contra os poderes públicos por medo ás consecuencias.

E desgraciadamente esta presión tíñaa moi patente onte a empresa encarregada de xestionar o FIRC. Así, malia a que dende os grupos KONFLIKTO e DEF CON DOS fíxose todo o posible por conseguir que varias/os representantes de STOP Desafiuzamentos subiran ao escenario e mesmo poideramos ler un pequeno manifesto contra a criminalización da solidariedade, traballadores da empresa transmitíronnos o seu temor pola posibilidade de deixar de seren contratados para seguintes eventos.

De nada servíu que mesmo o manager de DEF CON DOS insistira durante un bon rato… En resumo, unha nova proba de que “múltannos a nós para asustarte a ti”. Por sorte, dando mostra dunha total coherencia cas letras das súas cancións, ámbolos dous grupos musicais optaron por introducir eles mesmos a nosa pancarta reivindicativa, colocar unha camiseta de STOP Desafiuzamentos no centro do escenario e adicar unhas palabras contra a represión dos movementos sociais. Polo tanto, ao tempo que reiteramos o noso agradecemento a KONFLIKTO e DEF CON DOS, tamén queremos amosar unha certa comprensión e solidariedade cos traballadores da entidade encarregada da xestión do FIRC.

Porén, non podemos deixar de evidenciar que a programación cultural do Concello da Coruña chegou onte a unhas cotas de hipocresía realmente asombrosas. Mentras tenta manter unha imaxe de Concello “aberto e moderno” convidando e financiando a grupos musicais que cantan “España es idiota” ou “desastre, desahucio, patada en la puerta, el agente de turno, el juzgado lo manda, y con la ley en la mano, pero no la razón, me han echado de casa, que me vaya a vivir debajo de un puente o que busque cobijo en algún albergue”, o clima de criminalización da protesta que se respira na Coruña chega a tal punto que ata hai medo de permitir subir unha pancarta ou ler un manifesto que aborde seriamente esta realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

No serán publicados los comentariosque contengan opiniones ofensivas o de mal gusto.